Consellos
Manexo de reactivos e disolventes
Os frascos con reactivos ou disolventes deben pecharse perfectamente despois do seu emprego e devolverse ao seu lugar orixinal. Ler ben a etiqueta do frasco para asegurarse de que realmente é o reactivo ou o disolvente que queredes empregar.
Para coller e utilizar un reactivo ou un disolvente dun frasco, cómpre ter o máximo coidado no seu manexo para ter a seguridade de non contaminar todo o frasco.
Nunca se debe devolver un reactivo ou disolvente ao frasco do que se sacou.
Manexo dos produtos
Unha vez realizada a práctica correspondente, débense obter uns produtos. Estes produtos, logo de se calcular o rendemento, serán gardados nun frasco (tubo de ensaio, botelliña,...etc.) e entregados ao profesorado.
Non se debe sacar os produtos do laboratorio, por precaución toxicolóxica, sen permiso do profesorado. Non se deben tirar polo vertedoiro, nin botar ao lixo para evitar a contaminación do medio natural.
Montaxes
Todas as montaxes de aparatos deben suxeitarse perfectamente con soportes, noces ou pinzas de xeito que teñades a seguridade de que non van caer. Asemade, todas as pezas da montaxe deben encaixar perfectamente e ESTAR BEN UNIDAS UNHAS A OUTRAS (por exemplo, con gomas, clips metálicos ou plásticos para asegurarnos de que os esmerilados non se separen).
Medidas de volumes de líquidos
Existen diferentes recipientes no laboratorio axeitados para medir volumes de líquidos con diferentes graos de exactitude e precisión.
Moitas veces non se require medir un volume con moita exactitude (concordancia entre o valor verdadeiro e valor medido). Nestes casos poden empregarse vasos de precipitados ou matraces erlenmeyers graduados, as súas marcas teñen unha exactitude aproximada de ± 5 mL.
Si se require unha maior exactitude poden empregarse probetas de distintos tamaños (exactitude dende ± 1 mL ata ± 0,1 mL). Para que a medida sexa o máis exacta posible, o volume da mesma ten que aproximarse ao volume de líquido que se quere medir.
Para medir líquidos con maior precisión (> ± 0,1 mL) requírese o uso de buretas ou pipetas. Destas últimas existen distintos tipos, aforadas (A) e graduadas (B); e, á súa vez, as primeiras poden ser dun só enrase ou de dobre enrase, sendo estas últimas máis precisas aínda cás primeiras, pero máis difíciles de empregar.
Máis consellos: