funil.gal recibe o premio #INLUGO16

IMG_20161219_182904.jpg

O laboratorio virtual de química funil.gal, unha iniciativa desenvolvida polo grupo de innovación docente CienciaNOSA, vén de recibir o premio #INLUGO16 ao bo uso de internet e das novas tecnoloxías, concedido pola Deputación de Lugo. O laboratorio funil.gal achega novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. Entre estes recursos atópase un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral. As ferramentas están dispoñíbeis con acceso aberto e gratuíto na rede, conseguindo unha ampla difusión nacional e internacional grazas á súa canle de Youtube. O proxecto funil.gal xa recibira previamente o X Premio Luísa Villalta da Universidade da Coruña.

Os elementos novísimos a ritmo musical

radiogalega.jpg

A IUPAC vén de recoñecer catro novos elementos que se incorporan á táboa periódica dos elementos cos números atómicos 113, 115, 117 e 118. O profesor Manolo Bermejo contextualiza este achado cunha banda sonora musical na entrevista que lle realizaron no programa Efervesciencia da Radio Galega. Como se preparan? Onde? Cantos átomos se obteñen? Que nomes reciben? Escoita a explicación neste audio: http://www.ivoox.com/player_ej_10415784_4_1.html

25.000 reproducións dos vídeos de prácticas de funil.gal

12_dec_2016.jpg

Os vídeos de experimentos de laboratorio do proxecto funil.gal levan xa 25.000 reproducións na canle correspondente de YouTube. O incremento de visualizacións desta canle é constante, particularmente nos últimos meses, con accesos dende 80 países diferentes, entre os que cabe resaltar a difusión no ámbito de América Latina. O maior número de visualizacións experimentouse dende España segundo a ferramenta de estatísticas desta canle, pero só supuxeron unha terceira parte do total; as outras dúas terceiras partes corresponden ao estranxeiro, sendo as principais fontes de acceso México (16 %), Brasil (11 %), Colombia (8,6 %), Arxentina (6,5 %), Perú (5,9 %), Chile (3,7 %), Venezuela (3,2 %), Portugal (3,2 %), Ecuador (2,4 %) e Bolivia (1,7 %). É significativo o seguemento dende os países de América Latina cunhas 16.000 reproducións de vídeos realizados en galego.

Obradoiros, relatorios e aportacións en ENCIGA

foto_obradoiro.jpg

O grupo de innovación docente CienciaNOSA presentou diferentes aportacións no XXIX Congreso de ENCIGA, celebrado entre o 17-19 de novembro. Ademáis da presentación do Proxecto Funil. Laboratorio Visual de Química e da comunicación sobre Nanopartículas metálicas, tamén se realizou un obradoiro de laboratorio titulado Xel fluído de agar agar. Química na nova cociña, onde a profesora Laura Rodríguez Silva ensinou dun xeito ameno como se elaboraba caviar de vinagre ou espaghetti de agar-agar (na imaxe). No ámbito da liña de igualdade de xénero na ciencia, a profesora M. Isabel Fernández García presentou unha comunicación sobre Científi@s galeg@s do s. XVIII de institucións universitarias. A investigadora Xoana Pintos falou sobre A ilustración científica, traballo de mulleres?, e a profesora Ana M. González contrapuxo a Caroline Herschel vs. Marie Anne Paulze Lavoisier: dúas maneiras de facer ciencia.

Guía de nomenclatura en química inorgánica

nomenclatura_inorganica2.jpg

Hai milleiros e milleiros de compostos químicos, para diferencialos temos unha nomenclatura sistemática que supón os alicerces da linguaxe química, pero, podemos facelo en galego? Por suposto, e para que sexa máis doado para ti, Manuel R. Bermejo e Ana M. González-Noya, do grupo CienciaNOSA, veñen de publicar unha "Guía Breve para a Nomenclatura en Química Inorgánica". Trátase da versión galega das normas oficiais da IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry) e pódese descargar de balde dende o enlace la Real Sociedad Española de Química, organismo responsable da revisión e aprobación desta versión galega.

Esferas e fractais, coloides no prato

congreso_sarria_laura.jpg

O xoves 19 de novembro achegámonos ao XXVIII Congreso de ENCIGA que se celebrou en Sarria. Laura Rodríguez Silva, de CienciaNOSA, presentou alí un obradoiro titulado "Esferas e fractais, coloides no prato" no que se pretendía dun xeito ameno amosar as diferenzas entre xeles neutros e xeles iónicos. Un dos experimentos realizados foi o proceso de esferificacións de diferentes líquidos (dende zume de froita a "mojitos"). Na imaxe temos a foto do obradoiro desenvolvido que espertou bastante expectación. Neste proceso xelifícase a zona de contacto entre a gota de zume con alxinato de sodio e a disolución de cloruro de calcio, formando unha membrana case impermeable que mantén independente o zume do interior.

CienciaNOSA é recoñecido cun premio sobre a introdución da perspectiva de xénero

premio_perspectiva_de_xenero.jpg

O grupo CienciaNOSA vén de ser recoñecido cun premio na VI edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación. O traballo recoñecido co galardón foi "A introdución da perspectiva de xénero na química a través da táboa periódica", coordinado por Ana M. González Noya e do que forman parte Manuel R. Bermejo Patiño, Rosa M. Pedrido Castiñeiras, María J. Romero Castro, Xoana Pintos Barral, M. Inés García Seijo, Mª Isabel Fernández García, Esther Gómez Fórneas, Marcelino Maneiro Maneiro e Laura Rodríguez.

Divírtete e aprende con Xuvenciencia

foto_xuvenciencia.jpg

Xuvenciencia é un campus científico-técnico que se vén celebrando no verán en Lugo dende hai tres anos. O grupo CienciaNOSA incorporou o proxecto "Fotosíntese artificial: na procura de novas fontes enerxéticas". A fotosíntese é o proceso polo cal as plantas verdes obteñen a súa fonte de enerxía mediante unha cadea de reaccións que comeza co uso dos fotóns de luz solares para a fotólise da auga. Na descrición deste proxecto que se oferta indícase que no laboratorio disponse de compostos metálicos complexos, deseñados, obtidos e caracterizados no seo do grupo de investigación. Neste proxecto vanse utilizar estes complexos metálicos para descompoñer cataliticamente a auga, tanto por vía fotoquímica (aplicando radiación luminosa intensa e medindo o osíxeno liberado) como nunha cela electrolítica (utilizando unha corrente eléctrica como fonte enerxética para producir hidróxeno). Deste xeito búscase mimetizar artificialmente o proceso fotosintético natural. Neste vídeo podes ver unha explicación sobre este proceso.

2015 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos